O grupo dos vinte arredistas

Versión PDFVersión PDF

O GRUPO DOS VINTE, OS ARREDISTAS [também: O Grupo dos Vinte, Os arredistas da Corunha, etc.] Vicente Risco referia-se ao “grupo dos 20, os arredistas” para falar do núcleo duro, mais radicalizado politicamente, do setor irmandinho corunhês. Som os moços e moças nados entre 1890 e 1900, próximos de Ângelo Casal: Vítor Casas, Francisco Abelaira, Maria Miramontes, Alfredo Somoza, Elvira Varela, Federico Samora, as irmás Melendres (Carme e Tulia), Júlio Pita, Bernardino Varela, Carlos Monasterio, Jesus Basteiro, Dores Sueiras, António Martins, os irmás Lemus, Veva Casal, Fernando Blanco, Joám Peres, Josefa Labora, Guilherme Cedrom, Hermitas Pavom, os três irmaos Rodrigues Sábio, Fernando Ossório, Bieito Ferreiro e algum mais. Umha geraçom que entra a militar nas Irmandades em 1916-1917, de classe meia-baixa e origens trabalhadoras, com base republicana e autodidactas, que farám aliança com os mais velhos do grupo da Corunha contra os mais moderdos. Para Vázquez Souza, “este grupo de ativistas será o que realmente movimente a Irmandade desde fins do ano 18 e o que nos anos vinte e logo a seguir trinta provocará o verdadeiro salto cultural e político da Galiza”.

Pularám pola maior politizaçom das Irmandades, além do plano cultural. Assim o explicará um deles, Vítor Casas, uns anos depois (“Orientacións”, A Nosa Terra, 1-II-1923): “Andou o tempo e o movimento lingüístico foi-se trocando num movimento mais amplo que abarcase todos os aspectos da nossa vida galega. Ademais do labor a prol do idioma começárom as “Irmandades da Fala” a estudar os problemas galegos e mui especialmente o da nossa liberdade política”, e na Assembleia de Lugo aprovam um programa de açom: “O programa era um programa de verdadeira constituiçom do Estado galego. Desde entom começamos a nos chamar naconalistas, porque o nosso pensamento era o de reconstruir a naçom galega”, e “E começamos a atuar. E veu que nos chamavam arredistas, o que prova o caráter político do nosso movimento”, “definírom-se os campos e pugérom-se em contra nossa os inimigos da nossa liberdade”.

Desde 1917 manterám umha pugna polo poder da Irmandade corunhesa, que dará na expulsom de setor assimilados a La Voz de Galicia e partidários do culturalismo.

No seio das Irmandades, prodigarám-se no excursionismo, teatro em galego, colaboraçom com as escolas de ensinho galego onde adquirirám umha formaçom privilegiada, e também a crítica sarcástica e humorística em várias publicaçons do republicanismo corunhês. Destacarám pol defesa da língua, com performances e sabotagens incluídas a obras de teatro que humilhavam o povo galego, iniciando umha linha que seguirám os pondalianos de Buenos Aires, até chegar aos nossos dias. Em novembro de 1920, sabotarám o drama “Cristobalón”, de Manuel Linares Rivas. Primeiro repartindo o pasquim “Galiza aldraxada”, depois encaminhando-lhe um telegrama no que denunciam que “deprimir espíritu Galicia es obra propia centralistas, no buenos gallegos”, e finalmente passando à açom direta, boicotando a atuaçom, produzindo-se pelejas dentro do teatro (Vítor Casas será ferido num olho), e resultando detidos vários irmandinhos.

Após a publicaçom em 1920 da Teoría d´o nacionalismo galego de Risco, este tornaria-se o principal referente político mais importante das Irmandades. Mas nom para um grupo das Irmandades da Corunha que o discutem, e que Carlos Casares chama "os arredistas da Corunha". Nesse mesmo ano começa o distanciamento, que se agrava com motivo dumha semana galega celebrada em Madrid, na que A Nosa Terra (15-VI-1920) recrimina duramente a participaçom de Antom Lousada Diegues nessa "isidrada" em "Vilpodre". Risco intentará calmar a situaçom. Assim, em carta a Joám Vicente Biqueira (29-VI-1920), escreve:

 

A miña opinión sobor do que elí pasou sábena craramente Vilar, Lousada, Castelao, todos a eito. Antó Vilar díceme que elí causou un efeuto terríbel, sobre todo no grupo dos vinte, os arredistas... Eu non son nesto sospeitoso: non somentes teño por ises vinte unha fonda simpatía, i os teño por moi bos amigos meus, senón que eu mesmo son o máis arredista porque pradico a soparación nosa do esprito de Castela, do esprito hespañol en xeral. Pro penso cos vinte non son tódalas Irmandades, non son tan siquera toda a Irmandade da Cruña, non son o Direitorio; e non se debe deixar impoñer dise xeito o criterio de soio vinte, si elo pode facer á Irmandade da Cruña arredista, non da Hespaña, senón das outras Irmandades... ¡Ai de nós, si se rompe a místeca cadea! Non lle parece que á unión antre nós, á unión sagrada, se debe sacrificare todo, absolutamente todo o que non sexa o credo e o programa? Cree vostede que un feito que non siñifica violación do programa nin da doutrina, deba dar orixe a unha escisión no seo das Irmandades?... Pois polo camiño que leva, ameaza producila. Eu penso que non van atinados os que escribiron a carta ó Losada, os "cadros brancos" e "mouro", o "preguntoiro" i outras notas de A Nosa Terra, verdadeiros "meridionalismos" propios pra magoar os sentimentos de certos hirmaos [...] Serían tan arredistas eses rapaces que quererán ficar eles soios? Non, estas cousas non, por Deus que os fixo, que nós debemos estar a conquerir tódalas concencias galegas prá causa. Hai ehí quen xuzga toda Galiza pola Cruña, e non é tal como eso. Eu ando pola terra adiante duas ou tres veces no ano, e vexo aque aínda hai moito camiño que andar pra que cheguemos a poder escomuniar a ninguén [...].

Prégolle, querido e respeitado hirmau, poña mau neste asunto: vexamos todos o xeito de restablecela concordia, a unidade de pensamento, a confianza, a cordialidade, entre tódolos hirmaus. Si eu podo faguer algo pra elo, indíqueme o que debo faguer, indíqueme cómo poderemos axudalo e conte connosco [...]

 

Com a ruptura da unidade das Irmandades, a chegada da Ditadura de Primo de Rivera, etc., a atividade do grupo irá passando a outras formas. Com o advento da República espanhola, esta geraçom será chave no Partido Galeguista, abandonando já o seu primeiro arredismo a pratica totalidade dos integrantes, embora nalguns casos volte aparecer em algumhas ocasions.

 

Bibliografia:

CASARES, Carlos. Conciencia de Galicia. Risco, Otero e Curros. Tres biografías. Galaxia. Vigo. 2004

VÁZQUEZ SOUZA, Ernesto. "Umha velha Galescola. As Escolas do Ensinho Galego. Montando as escolas. PGL, 2006.

 
Mais ensaios...
 
Publicidade